Nesta especialidade contémplanse unha serie de contidos e actividades que pretenden achegarnos aos principais retos da sociedade contemporánea dende a perspectiva da Economía. Nomeadamente, abordaranse a relación da actividade económica coa natureza e as súas consecuencias, os problemas de desigualdade económica e social, a situación e características na provisión dos servizos de saúde, as implicacións da innovación e o coñecemento na actividade empresarial, os procesos de terciarización económica e a valoración do desenvolvemento económico cunha perspectiva de eficiencia, sustentabilidade e equidade. En consecuencia, trátase de formar especialistas cunha visión globalizadora, capaces de percibir, entender e valorar as tendencias e innovacións relevantes no contexto económico xeral e as súas consecuencias socioeconómicas. Persoas cun perfil profesional cada vez máis demandado non só no mundo da consultoría e da empresa privada de tamaño medio e grande, máis tamén na propia administración pública nos seus diferentes niveis (estatal, autonómica, local) e noutras institucións e entidades non lucrativas (Banco Mundial, organizacións políticas, ONGs…)..